A presenza da especie migradora Pipistrellus nathusii en Galicia foi confirmada por Morcegos de Galicia en 2021 (Arzúa et al., 2021). Galicia representa, deste xeito, o extremo sudoeste da área de distribución da especie a nivel mundial. Porén, os datos dos que dispoñemos ata o momento son moi escasos e limítanse a citas no periodo postreproductivo, cun único punto de presenza confirmada e varios puntos máis de presenza probable, todos eles distribuidos ao longo da costa. Descoñécese aínda a extensión da súa área de distribución e se esta presenta un carácter exclusivamente migrador ou hai exemplares residentes.
Co obxectivo de obter información que permita caracterizar espacial e temporalmente a poboación galega de P.nathusii, estamos a realizar mostraxes acústicas pasivas ao longo da costa galega tanto na época reproductora coma na postreproductora. Nalgúns dos puntos nos que se confirme a presenza da especie realizaranse estacións de captura co fin de obter datos poboacionais.
En todo este proceso integrarase a participación de persoas voluntarias nun equipo de ciencia cidadá que permita ampliar o esforzo de mostraxe e facer partícipe á cidadanía no estudo e conservación da biodiversidade.
Este proxecto aínda non conta con financiación. Se queres colaborar, escribe a info@morcegosdegalicia.org
Coa colaboración de