Atlas de morcegos de Galicia
Ciencia Cidada
Morcegos na casa
Acordos de custodia
Caixas Refuxio
Inicio ProxectosCiencia cidadá

Ciencia Cidadá

Proposta para 2024

Este ano queremos centrar o traballo de ciencia cidadá nas ribeiras fluviais, hábitats de gran importancia para os morcegos. A abundancia de alimento, as condicións microclimáticas, e a habitual cobertura forestal fan delas zonas prioritarias de alimentación e establecemento de colonias de cría, así como rutas de desprazamento habitual .

Por iso, onde existen construcións en bo estado ligadas aos cursos fluviais, como antigos muíños e fábricas de luz, é frecuente ver que algunhas especies ameazadas de morcegos as adoptan como refuxio. A abundancia deste tipo de construcións en Galicia, na súa meirande parte sen uso hoxe en día, ofrecen un enorme potencial para a conservación das poboacións de morcegos ameazados.

Porén, este potencial vese moi limitado porque, por unha banda, estas construcións non están adaptadas para albergar colonias de morcegos, polo que ás veces, pequenos detalles fan que non sexan todo o aproveitables que poderían ser; e por outra banda, a antigüidade e a falta de mantemento fai que estas construcións se degraden rápidamente.

O mesmo sucede con outro tipo de construción: os antigos transformadores eléctricos. Aínda que a ubicación destas construcións é moi variable, o seu deseño é moi doado de adaptar con éxito para morcegos. A pesares do seu potencial, moitos esmorecen sen uso desde hai tempo.

Á perda para o patrimonio cultural e industrial que supón a degradación destas construcións únese a perda de utilidade como refuxio para morcegos ameazados, outro patrimonio en perigo.

Desde Morcegos de Galicia queremos explorar as posibilidades que estas construcións poden ofrecer para a conservación dos morcegos e para iso solicitamos a colaboración cidadá. Propoñémosche que nos axudes a recabar información sobre a existencia tanto de construcións abandonadas ligadas a ribeiras fluviais (muíños, fábricas da luz, mazos, piscifactorías, etc.) como de vellos transformadores sen uso.

Coa información recollida elaboraremos unha proposta cun obxectivo dobre: a recuperación do patrimonio ligado aos cursos fluviais e dos transformadores, e a súa adaptación para acoller colonias de morcegos. Deste xeito poderíamos dar unha nova vida ao noso patrimonio cultural/industrial contribuíndo á conservación de especies ameazadas de morcegos.

Como participar

Para participar debes enviar un correo solicitando a túa participación a info@morcegosdegalicia.org

Farémosche chegar as instruccións xunto co acceso a un formulario que che permitirá rexistrar, no teléfono móbil, os datos que precisamos sobre as construcións: coordenadas, fotografía, tipoloxía e outros.
Buscamos construcións sen uso situadas nas ribeiras fluviais, como muíños, fábricas de luz, mazos, piscifactorías, etc. Se dubidas nalgunha construción, rexístraa! Xa teremos tempo de revisar despois.E tamén buscamos transformadores sen uso.
Temos un especial interese en construcións situadas en rede natura (enviarémosche tamén un visor coa delimitación dos espazos da RN2000), pero recolleremos tamén información das situadas fora da rede.
Unha vez que cubras e envíes o formulario (un por construción) a info chegaranos a Morcegos de Galicia e elaboraremos unha base de datos que nos permita analizar o potencial destas construcións para a conservación de morcegos.
As conclusións deste traballo compratirémolas con todos os participantes ao final do ano.

Patrocinadores

Este proxecto está a ser financiado parcialmente pola Deputación da Coruña con acordo ás Axudas a entidades sen fins de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades e investimentos no ámbito do medio ambiente.


Coa colaboración de

Deputación DA CORUÑA
MORCEGOSDEGALICIA.ORG • Ecoloxía e conservación dos quirópteros galegos
info@morcegosdegalicia.org