» Acceso usuarios

 

MorcegosDeGalicia.org

Morcegos de Galicia é o resultado da inquedanza amosada por Drosera ante a falta de datos sobre aspectos básicos da fauna de morcegos en Galicia, como é a súa composición e a ecoloxía das especies presentes.

Despois dun tempo realizando estudios parciais sobre o grupo, en 2005 abordamos o estudio da fauna de morcegos do concello das Pontes. Os resultados deste estudio recóllense no libro "Morcegos do concello das Pontes: introdución á faunística, utilización de refuxios e selección de hábitat de alimentación", publicado en 2007.
Comezamos, asemade, co seguimento de diferentes colonias e a prospección das amplas zonas de Galicia que carecían de información sobre a súa fauna quiropterolóxica.

En 2007 creamos a páxina web Morcegos de Galicia. Nela, ademais de información sobre a bioloxía dos morcegos galegos, bibliografía e outros recursos, publicamos o Atlas dos Morcegos de Galicia (AMG), buscando un formato que puidera actualizarse dun xeito sinxelo e permitira un acceso universal.

Ao mesmo tempo, decidimos dedicar un gran esforzo á prospección da xeografía galega para obter de primeira man novos e actualizados datos sobre a distribución dos morcegos en Galicia. Comezamos pola provincia de Lugo, utilizando tanto metodoloxías clásicas - revisión de refuxios e a captura con redes- como modernas técnicas de análise ultrasónico e identificación de especies crípticas por métodos moleculares. Contamos co apoio do Grupo Espeleolóxico Lugo, para a prospección de cavidades, e co asesoramento e colaboración do Grupo de Sistemática y Ecología de Quirópteros da Estación Biológica de Doñana.

Ao AMG incorporouse, así mesmo, información procedente doutros traballos e investigadores, cedida expresamente para este proxecto ou recollida da bibliografía dispoñible.

O AMG quere ser unha canle de comunicación do coñecemento existente sobre a bioloxía dos morcegos galegos e unha publicación de referencia para todos aqueles estudios que precisen de información sobre a distribución dos mesmos. A colaboración dos investigadores que traballan cos morcegos galegos é fundamental para manter completo e actualizado o AMG, polo que vos animamos a compartir a vosa información a prol dun mellor coñecemento e conservación da fauna galega de morcegos.

Paralelamente ao traballo de investigación vimo desenvolvendo o de conservación, a través do establecemento de acordos de custodia para a protección de colonias, a emisión de informes e a elaboración de materiais de sensibilización.

Do contacto con outros grupos que están a traballar con morcegos en Galicia, e na teima de impulsar un esforzo conxunto no estudio e protección dos morcegos, naceu en 2008 o Grupo Galego de Ecoloxía e Conservación de Quirópteros. Este grupo asumiu toda a actividade de Drosera relacionada con morcegos englobándoa no programa "Morcegos de Galicia". Deste xeito queremos consolidar un grupo de traballo que impulse a investigación e a conservación das poboacións de morcegos en toda a xeografía galega.