» Acceso usuarios

 

Morcego de cova - (Miniopterus schreibersii (Kuhl, 1819))

Colinia de M schreibersii
  • Nome común
  • Morcego de cova
  • Nome científico
  • Miniopterus schreibersii (Kuhl, 1819)
  • Descripción
  • O único representante europeo da familia, aínda que algúns autores prefiren considerar a Miniopteridae como unha subfamilia de Vespertilionidae.

    É de tamaño mediano, con medidas de antebrazo que oscilan entre os 42-48 mm. O fociño é curto e a frente abombada, o que lle confire un aspecto singular que o fai doado de identificar. As orellas tamén son curtas e de forma triangular. Trago pequeno de punta redondeada. A pelaxe é curta e densa, e nela predominan os tonos grises. As ás son longas e estreitas. A segunda falanxe do terceiro dedo é chamativamente longa e, durante o descanso, o terceiro e cuarto dedos dóbranse cara adentro na articulación entre a primeira e segunda falanxes.

     

    Ecolocalización

    As chamadas de navegación son semellantes ás de Pipistrellus pygmaeus, cunha longa porción final de frecuencia casi constante en torno aos 55 Khz. Para diferencialos é preciso fixarse na regularidade das emisións, así como en características do voo.

     

    Distribución

    Está presente na práctica totalidade da Europa mediterránea, extendéndose até o Xapón polo NE e até Australia polo SE, así como por boa parte da África subsahariana. Distribúese por toda a Península Ibérica aínda que é máis frecuente na rexión Mediterránea. En Galicia, a distribución coñecida cínguese ao oriente das provincias de Lugo e Ourense, ligada á presenza de cavidades naturais e minas de galería abandoadas.

     

    Ecoloxía

    É un morcego estrictamente cavernícola e de hábitos gregarios, tanto na cría como na hibernación. Organízase en metapoboacións que utilizan unha variedade de refuxios dentro do seu amplo territorio para criar, para hibernar e para patrullar as zonas de caza. Segundo os datos dos que dispoñemos para Galicia, os primerios exemplares chegan aos puntos de cría durante o mes de abril, aínda que os partos non teñen lugar até xuño. O tamaño das colonias de cría en Galicia vai desde unhas decenas de exemplares até ao redor de 3.000 femias, coñecéndose en Portugal unha colonia que reune 20.000 exemplares. Permanecen nos refuxios de cría durante todo o verán. Observamos apareamentos no mes de outono en refuxios que foran utilizados para a cría.

    O seu voo é rápido e son capaces de desplazarse longas distancias. Pouco se sabe da utilización que fan do espazo durante a alimentación.

     

    Conservación

    É una especie prioritaria da Directiva 92/43/CEE do Consello, que a inclúe nos seus anexos II e IV. Está incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de Vulnerable.

    Precisa da adecuada conservación das cavidades nas que cría e hiberna, pois as molestias e os peches inadecuados xa fixeron desaparecer máis dunha colonia en España. Ningunha das cavidades nas que esta especie cría en Galicia conta con medidas específicas de protección, sendo algunhas habitualmente visitadas por excursionistas.

    No ano 2002 constatouse unha masiva mortandade desta especie en Francia, España e Portugal, de causas non ben establecidas. Descoñécese o alcance deste episodio de mortalidade en Galicia.

     

    Outros nomes comúns

    Murciélago de cueva (cas), Schreiber´s bent-winged bat ou Schreiber´s long-fingered bat (ing)

     

    Bibliografía

    Dietz, C. e O. von Helversen (2004). Illustrated identification key to the bats of Europe. Electronic Publication, version 1.0.

    González Prieto, S.J., A. Villarino, M. Frean e M.L. Villarino (1986). Algunos datos sobre los quirópteros de Galicia. Doñana, Acta Vertebrata 13: 186-188.

    Ibañez, C. (1998). Los Quirópteros. En: Blanco, J.C. Mamíferos de España I. Ed. Planeta, Barcelona. Pp 114-218.

    Quetglas, J., F. González e O. de Paz (2003). Estudian la extraña mortandad de miles de murciélagos de cueva. Quercus, 203: 50.

     

     

  • Videos
  • Non temos vídeos desta especie na base de datos.
Localizar no atlas