» Acceso usuarios

 

Morcego rabudo - (Tadarida teniotis)

Tadarida teniotis_1
  • Nome común
  • Morcego rabudo
  • Nome científico
  • Tadarida teniotis
  • Descripción
  • É a única especie da familia presente en Europa. É un morcego moi grande, con medidas de antebrazo que oscilan entre os 57 e 64 mm. Carecemos de datos biométricos das poboacións galegas. As orellas son anchas e proxéctanse cara adiante sobre o rostro, tocándose ambas orellas na súa base na parte frontal. O pelo é denso e curto. A coloración é variable, predominando os tonos grisáceos, co ventre máis claro que o lombo. Ás longas e estreitas. Menos da metade da cola está incluida no uropataxio, o que a diferencia dos outros morcegos europeos. Na punta da mesma presenta uns pelos de función táctil. Ecolocalización As chamadas de ecolocalización son de frecuencia case constante e sitúanse entre os 12-14 Khz, completamente dentro do espectro audible para o ser humano. Poden, por tanto, ser escoitados sen detectores de ultrasóns, aínda que nas zonas de simpatría con Pipistrellus kuhlii poderíase confundir coas chamadas sociais desta especie. Imaxe de chamada e chamada.wav Distribución Esta presente nunha franxa que abrangue desde a Península Ibérica até a costa chinesa e o Xapón. En Europa, circunscríbese ao entorno mediterráneo e está presente en boa parte das illas mediterráneas. Atópase por toda a Península Ibérica, aínda que é maís frecuente no sur. En Galicia foicitada por vez primeira no val do Támega e anos despois na Enciña da Lastra, o que fixo pensar que a súa presencia era moi escasa e estaba limitada aos enclaves máis termófilos do país. Durante o traballo do AMG constatouse a sú apresenza en todo o val do Sil, e nas metades sur e oriental da provinvia de Lugo, en ambientes diversos que van desde o casco urbano da cidade de Lugo até unha altura de 1400 msnm, na serra dos Ancares. Até o de agora non foi detectado nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Ecoloxía É unha especie fisurícola que se refuxia de xeito natural en fendas de rochas en cantiles, cortados e grandes covas. Con frecuencia aproveita fendas en construucións humanas, como xuntas de dilatación en pontes, cámaras de aire ou caixas de persianas. As colonias poden superar os varios centos de exemplares. Un estudio realizado na cidade de Valladolid puxo de manifesto a organización en harenes durante a época de cría e a rotación de refuxios nos distintos momentos do ano. Os machos defenden os refuxios durante a época de celo, voando boa parte da noite nas proximidades dos mesmos mentres emiten sons estridentes e un forte olor. Este olor e emisións vocais desde a entrada do refuxio, son utilizados tamén polos machos para atraer ás femias aos mesmos. Aliméntanse principalmente de grandes avelaiñas, ás que son quen de seguir até gran altura. O seu voo é rápido e pouco manobrable, como corresponde á morfoloxía das súas ás, polo que cazan principalmente en espazos abertos. Con frecuencia se lles ve cazando en zonas iluminadas até as que son atraidas as avelaiñas, como sucede sobre a catedral de Lugo. Mantense activo incluso con choiva e temperaturas perto dos 0ºC. Non é quen de entrar en hibernación máis de 8 dias, o que lle obriga a manter certa actividade durante o inverno. Restos de Tadarida teniotis foron atopados en egagrópilas de Tyto alba en varios puntos de España. Conservación Xunto co resto de microquirópteros, atópase incluido no Anexo IV da Directiva 92/43/CEE do Consello. A falla de máis datos sobre a evolución das súas poboacións, non parece ter especiais problemas de conservación. Bibliografía sobre a especie Arlettaz, R., C. Ruchet, J. Aeschimann, E. Brun, M. Genoud e P. Vogel (2000). Physiological traits affecting the distribution and wintering strategy of the bat Tadarida teniotis. Ecology, 81(4), 1004–1014 pp.** Balmori, A. (2003). Avances en el conocimiento de la biología y organización social del murciélago rabudo (Tadarida teniotis). Galemys, 15 (nº especial). 37-53 pp. Dietz, C. e O. von Helversen (2004). Illustrated identification key to the bats of Europe. Electronic Publication, version 1.0. ** González Prieto, S. et al. (1986) Hermida, R.J e F.J. Lamas (2007). Primeros datos sobre Tadarida teniotis y Pipistrellus pygmaeus en la provincia de Lugo. Galemys 19(1). 51-54 pp. Ibañez, C. (1998). Los Quirópteros. En: Blanco, J.C. Mamíferos de España I. Ed. Planeta, Barcelona. Pp 114-218. Ibañez, C. (2002). Tadarida teniotis. En: Palomo, J.L. e J. Gisbert (2002). Atlas de los mamíferos terrestres de España. MMA-SECEM-SECEMU, Madrid.
  • Videos
  • Non temos vídeos desta especie na base de datos.
Localizar no atlas